Vivendas dunha urbanización de Cambados sofren seis roubos en dous meses
Nunha urbanización de Cambados os ladróns entraron en 6 vivendas nos últimos dous meses, pero os veciños aseguran que dende hai uns anos os roubos son constantes na zona. Os ladróns acceden ás vivendas polas fiestras ou balcóns e levan sobre todo xoias e cartos.
Os ladróns acceden ás casas pola parte traseira, unha zona con malezas e pouco iluminada. Segundo os afectados, son profesionais que vixían o momento en que as casas están baleiras e actúan con moita rapidez.
Para acabar cos roubos, os veciños piden que se limpen as malezas e se ilumine a zona posterior da urbanización e, sobre todo, que se incremente a vixilancia policial.
Unha vaga de roubos que non se limita só a esta urbanización, segundo os veciños, tamén entraron noutras vivendas desta zona da Pedreira.