CRTVG

Buscar

Visto para sentenza o xuízo contra os 12 acusados polo alixo de 60 quilos de heroína en Caldas de Rei

Publicado o 20/09/2019 14:05

Por quinto día consecutivo, os procesados polo alixo de heroína comisado en Caldas de Reis en agosto de 2017 chegaban aos xulgados vigueses para comparecer nun xuízo que hoxe queda visto para sentenza. Durante a vista, o representante do Ministerio Fiscal concluíu que as declaracións dos investigados e dos axentes policiais que dirixiron a operación Tirabuzón, que permitiu as súas detencións, demostran que os procesados formaban parte dun grupo organizado.

Para a fiscalía, quedou probado que a introdución de heroína en Galicia non foi ocasional, senón que os acusados preparaban outras operacións de narcotráfico, entre elas unha con Colombia para a distribución de cocaína que se frustrou. Para o fiscal, así o demostran os seguimentos e as intervencións telefónicas realizadas polas axentes da UDYCO, das que se desprende que empregaban unha linguaxe velada e claves alfanuméricas nun intento de agochar a súa actividade ilícita.

Ademais, o representante do ministerio público sinalou a Manuel Estévez, o avogado vigués e único procesado que está en liberdade, como o cabeza desta organización. Pola súa implicación no alixo de sesenta quilos de heroína, cun valor no mercado de tres millóns de euros, a fiscalía solicita once anos de prisión para cada un dos procesados, porén pola súa colaboracion coa xustiza decidiu a aplicación de atenuantes para tres dos acusados e unha rebaixa da pena para un deles, ao que retira o delito de pertenza a grupo criminal.

Os acusados son once homes e unha muller, cinco deles cidadáns búlgaros e o resto veciños da zona de Vigo e Arousa.




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/09/2019