CRTVG

Buscar

Vista de apelación no TSXG polo crime de Padre Rubinos

Publicado o 23/04/2019 13:58

O condenado polo asasinato dun usuario da entidade benéfica Padre Rubinos da Coruña escoitou os argumentos da súa defensa, que solicita a anulación da sentenza do xurado popular e a repetición do xuízo por vulneración dos dereitos fundamentais. Considera que durante o proceso non se tiveron en conta os informes psiquiátricos que, na súa opinión, acreditan que o condenado padece unha esquizofrenia paranoide e que non se valorou o seu estado mental por parte dun servizo médico especializado máis alá dos informes dos forenses.

José Manuel Dapena, avogado da defensa: "Esta defensa requiriu poder artellar un informe pericial psiquiátrico por técnicos facultativos da administración pública sanitaria. Este medio de proba foime denegado. Polo tanto non podemos acreditar o estado mental do meu representado que padecía, segundo os informes que traía de Londres, unha esquizofrenia paranoide".

A Fiscalía rexeita o argumento de indefensión e considera que os informes periciais de dous forenses e unha psicóloga están motivados dabondo, polo que a proba que solicita a defensa non é necesaria.

Os feitos acontecían no exterior da sede de Padre Rubinos en xaneiro de 2017. O xurado popular considerou probado que o condenado asasinou un usuario da entidade benéfica cunha arma branca de dobre gume, coa agravante de aleivosía, xa que actuou por sorpresa e non deixou á vítima posibilidade ningunha de defenderse. A sentenza tivo en conta a atenuante de alteración psíquica pero rexeitou, como reclama a defensa, que tivera anuladas as súas capacidades.


 

Noticias web

23/04/2019