CRTVG

Buscar

Vinte e cinco horas sen teléfono fixo nin Internet en Mazaricos

Publicado o 24/10/2019 14:19

A última avaría telefónica en Mazaricos debeuse ao fallo dun módulo da central e a compañía tivo sen servizo fixo nin Internet ducias de veciños, empresas, centro de saúde e a casa do Concello. A actividade estivo condicionada onte e antonte polo fallo na rede de datos. No Concello lembran que hai dous meses houbo outra avaría de vinte horas e hai tres semanas volveu fallar a conexión.

Benito ten un negocio de hostalería con validación de boletos de Loterías: "Dos do rural pasan. Falan moito e moi bonito na tele, pero... Despois chega o momento e estamos vinte e cinco horas sen poder validar unha Primitiva, vinte e cinco horas sen poder coller unha reserva de hotel. Botamos días e días así. Isto non pode seguir así. Non pode ser que teñamos unha caixa de conexións de internet colgada dun olmo. Pero, onde estamos?".

En Mazaricos din que están cansos e amosan a súa indignación con Telefónica. Piden que o Goberno lle aplique sancións cuantiosas polo incumprimento dun servizo básico para o desenvolvemento da actividade.

Antonio di que "estamos moi mal servidos por Telefónica, porque estivemos onte a antonte sen Internet, sen televisión por cable. Non puidemos facer pagamentos no banco e estivemos moi mal atendidos".

"Falo con outros concellos do lado e pasa igual que en Mazaricos; a fibra óptica colgada dun olmo.- Non sei que pasa para que non a conecten e nos poñan os servizos como corresponde".

No Concello afirman que na Picota está instalada fibra óptica, pero por motivos que descoñecen, a compañía telefónica non acaba de poñela en servizo.

Noticias web

24/10/2019