CRTVG

Buscar

Vinte días en lista de espera para facerse cun queixo artesán de Chantada

Publicado o 26/08/2020 16:46

Na queixería Airas Moniz de Chantada traballan con leite de pastoreo, da raza jersey e en cru. Deseñaron dous queixos para expresar todo ese potencial e, para ben ou para mal, convenceron á primeira.

"É certo o dito de que un pode morrer de éxito, a nós pasounos", conta Xesús Mazaira, copropietario da queixería, lembrando que o primeiro ano de andaina levaron unha medalla nun campionato estatal e que entón aumentaron a produción "a uns niveis que daquela aínda non dábamos dominado"

Aprenderon que o queixo ten o seu ritmo e que non convén apuralo. E como a capacidade nesta queixería artesanal é a que é, para facerse cunha destas pezas hai que pasar mínimo 20 días en cola á espera.

"A lista de espera é porque temos unhas instalacións pequenas, gústanos agarimar o queixo, e iamos iniciar unhas obras de ampliación no mes de marzo, pero, debido á situación que todos coñecemos, deunos medo e parámolas", di Xesús.

O propio mercado quitoulles o medo, e xa retomaron o proxecto de ampliación. Naceron para cubrir unha demanda de diferenciación que detectaban en restaurantes e tendas especializadas, e celebran que a súa aposta gourmet teña cada vez máis adeptos na casa.

"Hoxe o 70 por cento está vendéndose aquí en Galicia, estivemos quitándolle mercado de fóra porque non dabamos atendido o de aquí, e para nós a prioridade é o quilómetro cero, é o territorio, e queremos que quede aquí o queixo".

Son vinte días para facerse co Terra ou co Savel, elixido como o mellor queixo azul de España este ano. Algo máis de paciencia haberá que ter para chegar a probar as novas creacións en que traballan para seguir sumando diversidade á oferta queixeira do país.

Noticias web

26/08/2020