CRTVG

Buscar

Vinte anos limpando o río Tomeza

Publicado o 02/08/2020 14:59

Os voluntarios da asociacion Vai polo río rastrexan o leito do Tomeza ao seu paso por Pontevedra e retiran os refugallos que van atopando.

"Do que se trata é de mantelo e de ir retirando anacos pequenos de plástico, que é o máis agresivo", di Conchi Pereiro, voluntaria da asociación

Cada verán desde hai 20 anos acoden ao río para limpalo. Din que cando empezaron era un auténtico vertedoiro. Os residuos entón eran moi voluminosos: retiraban rodas, electrodomésticos e mesmo nalgunha ocasión algún vehículo a motor.

"Este río pasa a carón da miña casa, coñézoo desde pequeno e non ten nada que ver con como estaba fai 20 anos, antes era unha cloaca", explica Pablo Cordero. 

"Os primeiros anos saían centos de bolsas de lixo, de botellas, de plásticos, de motos, de todo", di Manuel Gil, voluntario de Vai polo río.

Ademais de limpar, a asociacion fixo un inventario das especies do río. Aquí hai londras, freixos, carballos, bidueiros e cerdeiros de acio. Un rico patrimonio natural que hoxe está protexido

"Nós fomos os inspiradores para que o Concello declarara o río espazo protexido", asegura Gonzalo Sancho, presidente da asociación.

Cada domingo do mes de agosto, os voluntarios da asociación seguirán indo polo río para retirar do seu leito todo o que non lle pertence.

Noticias web

02/08/2020