CRTVG

Buscar

Vimianzo asalta esta noite o seu castelo por todo o alto

Publicado o 06/07/2019 21:53

Pontedeume reencóntrase co medievo no feirón dos Andrade. A vila retorna ao século XIV e a música, os postos de artesanía e a gastronomía ocupan as rúas, xusto seiscentos cincuenta anos despois da colocación da primeira pedra do castelo de Andrade.

É a décima edición da feira medieval, que este ano chega cun programa de actividades amplísimo e que cada vez atrae a máis xente: a organización agarda a visita de máis de setenta mil persoas. Os visitantes atoparán artesanía e poderán gozar da música e da gastronomía. Tamén hai teatro, exhibicións e talleres infantís neste reecontro co medievo que non descansará durante toda a fin de semana. Pero Pontedeume non é a única vila que hoxe nos traslada na historia. 

Comezou o Asaltiño. A poboación miúda ataca o castelo de Vimianzo como preludio do que vai acontecer, en versión adulta, a partir das once e media da noite. Tras a ofensiva, estudantes do instituto Terra de Soneira repasan a historia da fortaleza poñéndose na pel dalgúns dos seus persoeiros máis salientables.

O levantamento do pobo contra o sistema feudal é o punto de partida deste percorrido polo devir de Vimianzo dende o medievo ata hoxe. Un xeito divertido de coñecer a historia propia e de marchar para a casa cunha boa molladura.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/07/2019