CRTVG

Buscar

Un Real Madrid con baixas non pode co Vilarreal (1-1)

Publicado o 21/11/2020 21:24

Un Real Madrid condicionado polas baixas, con Nacho, Hazard, Odegaard e Mariano no equipo inicial, controlou sen excesivo brillo un Vilarreal descoñecido na primeira metade.

Dous minutos tardaron en adiantarse os de Zidane nunha cabezada de Mariano, que non xogaba un partido de titular na Liga desde o pasado 5 de maio de 2019, precisamente contra o Vilarreal. Aquel día, o dianteiro marcou dous goles. Esta vez, un.

Os levantinos reclamaron fóra de xogo de Lucas Vázquez, pero o galego non intervén na xogada.

Tardaron en meterse no encontro os de Emery. O primeiro achegamento serio foi esta cabezada de Parejo no minuto vinte.

Carvajal, puido aumentar a vantaxe antes do descanso, pero Pedraza estivo providencial, obstaculizando o disparo do lateral madridista.

Tras o descanso viuse outro Vilarreal. Moito máis intenso e agresivo. Froito desa presión, Trigueros recupera unha pelota e serve para Gerard Moreno que dispara fóra.

A entrada de Estupiñán e Chukwueze á hora de xogo, acabou por revitalizar ao Vilarreal que pasou dominar por completo.

Primeiro foi Samu Chukwueze o que tentou sorprender nunha xogada individual.

E a continuación, esta incorporación de Estupiñán, acaba cun disparo desviado de Parejo.

O Real Madrid apenas se achegou na segunda metade á área castellonenca. Este disparo de Lucas Vázquez foi a acción máis perigosa do seu equipo neste período.

Dous minutos despois, o Vilarreal ía lograr o gol da igualada neste penalti de Courtois a Chukwueze que transforma Gerard Moreno. Quinto gol do internacional na Liga, terceiro desde os once metros.

Os levantinos incluso puideron levar a vitoria no engadido nesta xogada que non soubo resolver Kubo, o xaponés cedido polo Real Madrid.

O Vilarreal mantense invicto no seu estadio. Mentres o Real Madrid acumula dúas xornadas sen gañar.


 

Noticias web

21/11/2020