CRTVG

Buscar

Vilanova de Arousa engádese á listaxe de concellos con restricións

Publicado o 25/09/2020 13:29

Vilanova de Arousa terá desde este sábado as restricións que xa rexen noutra ducia de concellos galegos, entre eles a veciña Vilagarcía. Limítanse a dez as reunións e á metade a ocupación en comercio, bibliotecas, academias ou na hostalería.

"O maior problema vai ser se isto dura e chega o inverno e o tempo non permite servir na terraza", apunta un camareiro. "Todo sexa por previr porque están aumentando os casos, cada día hai casos novos", di unha comerciante.

Antes incluso de que Sanidade anunciara as restricións un bando da alcaldía de Vilanova de Arousa pedíalles aos veciños que limitaran ao máximo os seus movementos. De casa ao traballo e do traballo á casa, recomendaba o alcalde.

 "Non se pode botarlle a culpa a ninguén. Cada un é consecuente e responsable do que fai e agora é o momento de que todos poñamos da nosa parte", di unha veciña.

E é que Vilanova pasou de ter sete casos a unha vintena nun só día. Parte deles estarían vinculados, segundo fontes do SERGAS, ao gromo na empresa avícola de Cambados. En Vilanova hai quen pensa que ao ser un concello pequeno se atallará antes.

"Creo que si que é máis doado de controlar en Vilanova ca nunha cidade", contanos outra veciña.

Pero hai quen destaca a enorme mobilidade por razóns laborais entre uns e outros concellos do Salnés. Algún alcalde mesmo considera que será máis dificil frear os contaxios se as restricións non se amplian a todos os concellos da comarca.

Vilanova de Arousa empezará a ter restricións a partir desta medianoite, igual que as teñen agora mesmo Santiago, O Milladoiro, Silleda, Lalín, Lugo, Ourense, varios barrios da Coruña, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín, Verín e Vilagarcía de Arousa.

Isto supón que Vilanova terá que adoptar estas medidas:

· Locais, restaurantes, academias... ao 50% máximo da capacidade

· Prohibido consumir en barra en bares e restaurantes

· Xuntanzas de máximo 10 persoas na rúa e en espazos privados

· Redución de asistentes a celebracións, velorios e lugares de culto

Varias rúas de Ourense manteñen unhas restricións aínda máis estritas, como limitar as reunións a 5 persoas, a prohibición de servir en interior de bares e cafeterías ou 5 persoas máximo dentro dos restaurantes.

A decisión tomouna a Consellería de Sanidade tras a xuntanza do subcomité clínico de expertos sanitarios.