CRTVG

Buscar

Vigo comeza a instalación das luces de Nadal este mércores

Publicado o 18/08/2020 16:39

O Concello de Vigo iniciará este mércores a instalación da iluminación do Nadal, catro meses antes da temporada festiva e un mes antes que o Nadal do ano pasado, segundo avanzou en rolda de prensa o rexedor olívico, Abel Caballero.

O alcalde explicou que o adianto nos traballos de instalación débese ás actuais circunstancias marcadas pola pandemia de covid-19, que obrigan a que as tarefas se fagan de forma máis lenta (para garantir a seguridade e o cumprimento das medidas preventivas).

Así, o inicio da instalación da iluminación terá lugar este mércores e, ao mediodía, o rexedor convocou aos medios para dar máis detalles sobre a colocación "das mellores luces de Nadal do mundo", os lugares onde se situarán e os posibles efectos da pandemia na campaña do Nadal viguesa, en que a iluminación e a decoración da cidade exercen como gran polo de atracción do turismo.

Por outra banda, Abel Caballero referiuse tamén na conferencia de prensa deste mércores aos datos de ocupación de establecementos hostaleiros en Vigo durante este verán, e asegurou que esa ocupación alcanzou o 70 % na semana do 10 ao 16 de agosto (dous puntos máis ca na semana anterior), mesmo a pesar de que o tempo non acompañou durante a fin de semana.

O alcalde celebrou que a ocupación turística na cidade está a ser "significativa", aínda a pesar da pandemia, e de que se suspenderon ou aprazado eventos festivos, entre eles o festival O Marisquiño.