CRTVG

Buscar

Vigo abre o mercado de Nadal e pon en marcha "a mellor nora do mundo"

Publicado o 27/11/2019 21:53

O gran mercado do Nadal Cíes Market, na praza de Compostela abriu os seus postos este mércores cun acto inaugural de acendido da iluminación, en que o alcalde, Abel Caballero, presumiu de que a cidade non só compite con Nova York ou París, senón tamén cos tradicionais mercados do Nadal de Alemaña.

Así, acompañado pola súa muller e por varios concelleiros da corporación olívica, o rexedor fixo unha conta atrás trilingüe (en inglés, español e galego) antes de pulsar o botón de acendido das luces que adornan a alameda.

Alí instaláronse 60 casetas de madeira cunha variada oferta de produtos á venda, desde artesanía decorativa ata camisetas coa mensaxe 'Dez millóns de luces led' (alusivas ás xa famosas palabras de Abel Caballero presumindo das luces do Nadal), ademais doutros produtos de merchandising do nadal vigués.

Os visitantes do mercado terán tamén a oportunidade de comprar libros, degustar produtos típicos de Galicia, comer churros ou 'gofres', ou tomar unha cervexa, entre outros atractivos. Ademais, a praza de Compostela será aínda máis espectacular a próxima semana, cando se porán en marcha os 50 canóns que farán que 'neve'.

Estas instalacións permanecerán abertas durante toda a campaña de Nadal, de luns a xoves en horario de 11 da mañá ata a medianoite, mentres que os sábados e vésperas de festivo abrirán ata as 2 da madrudaga, e os domingos ata a unha. Ademais, haberá horario especial, de 11 a 19 horas, os días 24 e 31 de decembro.

Xusto á beira do Cíes Market, na confluencia de Concepción Arenal e Colón, púxose en funcionamento, tamén este mércores, a que Abel Caballero bautizou como "a mellor nora do mundo", con "62 metros de altura" e desde a que, segundo asegurou o alcalde, "pode verse Nova York".

O rexedor probou, antes da súa apertura ao público e de que empezase a funcionar, unha das 48 cestas de que dispón esta nora, que ten capacidade para 192 persoas, e que, ademais de case 200.000 puntos de iluminación led, conta tamén cunha gran pantalla circular no seu centro. O horario desta atracción será o mesmo que o do mercado de Praza de Compostela.

Ao pé da nora, Abel Caballero saudou as decenas de persoas que, a pesar da choiva, se congregaron na zona (moitas delas facendo cola para comprar os tíckets, ao prezo de 5 euros) e algunhas das cales procedían de lugares tan dispares como Cantabria, Barcelona ou Italia. Desde alí, o alcalde convidou toda Galicia e toda España a visitar Vigo, felicitou cun "Happy Christmas!" os presentes e chanceou: "Como siga así, vai ser Nadal todo o ano. E por que non, se é felicidade?".

Non serán estes os únicos atractivos que este Nadal ofrece o Concello de Vigo e que, xa desde o sábado, ilumina máis de 300 rúas con "10 millóns de luces led". Así, ademais da iluminación e os ornamentos "xigantes" (o boneco de neve, a gran bóla de Nadal, a caixa de agasallo ou o abeto de 35 metros de Porta do Sol), nas próximas semanas poderase gozar do belén monumental na Casa das Artes, do poboado do Nadal na Casa Galega da Cultura, dos personaxes de conto que ambientan a rúa do Príncipe, de concertos, un flashmob, pistas de xeo ou rutas especiais do bus turístico.

Noticias web

27/11/2019