CRTVG

Buscar

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao di que a nacionalización debe ser a primeira opción

Publicado o 28/05/2020 16:54

A reunión entre os traballadores e o presidente da multinacional rematou. Hai decepción.
Desde o comité de empresa opinan que o proceso de despedimentos é ilegal e anuncian mobilizacións na Mariña.

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, afirmou que a nacionalización da planta de aluminio primario é "factible, é viable" e debería estar como "primeira opción encima da mesa" para tratar de salvar a fábrica e os 534 postos de traballo directos que poderían desaparecer co peche da mesma.

Zan afirmou que "a Xunta de Galicia e o Goberno se teñen que involucrar" para tratar de buscar unha saída. Asegurou que o comité segue "traballando para tratar de solucionar o problema" e o Goberno "ten un mecanismo que antes non tiña, que conta coa autorización da Unión Europea, e que se chama intervención de empresas en risco de crise".

Zan insistiu en que se "un país quere ter bos médicos e bos hospitais" tamén debe coidar "o seu sector industrial", fundamental para a economía e para o sostemento do estado do benestar. Fixo, así mesmo, unha "valoración moi mala" da reunión coa dirección da empresa e dixo que a representación dos traballadores non acepta "ningunha das medidas" propostas por Alcoa nin tampouco "os parámetros" que a ollos da multinacional xustifican o peche da factoría.

"Cremos que a empresa é viable e imos loitar para que siga funcionando. Non estamos para nada de acordo co que expuxo a empresa", insistiu. A comisión permanente do comité de empresa reunirase mañá mesmo para acordar un calendario de mobilizacións.

Noticias web

28/05/2020