CRTVG

Buscar

Volve a actividade ao grupo PSA, que prevé unha caída da produción do 30 % este ano

Publicado o 11/05/2020 15:00

A factoría do grupo PSA en Vigo reiniciou esta mañá a actividade cuns 350 traballadores que durante hoxe e mañá farán a posta a punto da fábrica para o seu funcionamento normal a partir do mércores. A multinacional francesa foi unha das últimas do sector da automoción en retomar a actividade en España, lastrada pola situación da pandemia en Francia.

A actividade reiníciase con só unha quenda de traballo en lugar das tres habituais e xa sen perspectiva de estrear unha cuarta quenda, que estaba a piques de comezar cando se declarou a pandemia de coronavirus.

A volta ao traballo faise mediante a apliación dun protocolo de protección e seguridade consensuado entre a empresa e os traballadores. En CCOO, Santiago García explica os principais puntos dese protocolo, que consisten na toma de temperatura de todos os traballadores no acceso á factoría, máscaras, distancias de seguridade e EPI e pantallas en caso de que esas distancias non se poidan manter.

O resto dos traballadores continúan acollidos ao ERTE por causas de forza maior solicitado pola empresa, e así seguirán ata o 30 de xuño, logo da estensión desta figura aprobada polo Goberno. A partir de aí, o grupo PSA xa ten negociada coa representación dos traballadores a sinatura doutro ERTE por causas organizativas que estará vixente ata o 31 de decembro.

A factoría viguesa afronta o que queda de ano cunha previsión de caída da produción. "Estabamos en situación de bater marcas históricas de produción, e a previsión agora é que este ano haberá un 30 por cento de perda de produción", explica Santiago García.

 

Noticias web

11/05/2020