CRTVG

Buscar

Veciños retornados de Suíza iluminan en Piñor a súa casa ao estilo alpino

Publicado o 30/12/2020 09:26

Así loce a vivenda máis iluminada de Loeda, Piñor de Cea, e en quilómetros arredor. Só Vigo, din os seus admiradores, se pode comparar coa radiante escenografía desta casa particular, con nora incluída.

"A nora fíxoma un amigo. Díxome: 'Imos facer unha nora para competir co alcalde de Vigo', e eu metinlle as luces", conta Xosé Meiriño, propietario da casa.

Cada ano, mudan a disposición e incorporan novos motivos, para renovar a ilusión daqueles que converteron esta leira nun destino turístico do Nadal.

"De Maceda, de Rodeiro, de Chantada, de Carballiño, da Peroxa...", di Xosé. "Gústanos moito. Eu, a primeira vez, pensei que eran atraccións que chegaran aquí", comentan dúas nenas que foron de visita.

Abren ás seis da tarde, entre lusco e fusco, e pechan cando se retiran os últimos visitantes, este ano, máis cedo polo toque de queda. A entrada é de balde, non hai ánimo de lucro, aínda que o gasto se dispara. "Gasto máis de pilas ca de luz. Sin esaxerar, xa debo levar máis de 300 euros en baterías", asegura Xosé. 

Hai elementos anacrónicos, impropios dun escenario de Nadal, que incorporaron polo seu valor emocional: renderlle homenaxe a Jonathan, o fillo que mercara este terreo, falecido nun accidente de tráfico hai 17 anos polo Nadal.

"E tiñamos eses plans, de adornala cando viñeramos no Nadal. E seguímolo facendo, aínda que el non estea, facémoslle esa homenaxe", di a nai, María Isabel Gallego. A ilusión, din, axúdalles a mirar cara adiante, esperando un próximo Nadal.

Noticias web

30/12/2020