CRTVG

Buscar

Veciños dunha aldea de Ponteareas denuncian que non teñen Internet desde hai un mes

Publicado o 05/02/2019 13:17

Veciños do barrio do Correlo, en Ponteareas, levan case un mes sen teléfono e sen Internet. Quéixanse de que a compañía que lles subministra este servizo aínda non reparou unha avaría que lles está a provocar moitos trastornos na súa vida diaria. Ademais, denuncian o estado en que se atopa a instalación eléctrica, con cables pendurados que supoñen un serio perigo para vehículos e peóns.

Hai case un mes os veciños do barrio do Correlo, na parroquia de Arcos, en Ponteareas, quedaron sen liña telefónica e sen Internet. Foi como consecuencia da rotura dun poste que a compañía que subministra o servizo xa substituíu. Porén, a avaría continúa.

Os veciños denuncian o mal estado da instalación. O poste que substituíron continúa tirado na zona, as caixas eléctricas abertas e o cableame pendurado sobre a estrada. Están moi preocupados pola perigosidade que supón para vehículos e peóns.

Os veciños están fartos de chamar a Movistar, a compañía responsable do servizo. Aseguran que ninguén lles aclara cando se vai reparar a avaría e están moi molestos coas respostas que obteñen.

Unhas dez familias están afectadas por esta avaría no Correlo. Case un mes despois agardan que os responsables resolvan canto antes a situación.

Noticias web

05/02/2019