CRTVG

Buscar

Veciños do barrio Feijoo de Lugo quéixanse da maleza que hai nas vivendas abandonadas

Publicado o 02/08/2019 12:18

Os veciños do barrio Feijoo, en Lugo, quéixanse de maleza que hai en moitas das vivendas da zona; as máis delas son residencias e hortas abandonadas e a maraña vai invadindo as outras casas do barrio que si están habitadas, o que xera unha falta de hixiene e un malestar que se vén arrastrando dende hai anos e os veciños din que xa non poden máis.

Este é o barrio Feijoo, un dos históricos da cidade de Lugo. Co paso do tempo foi esquecendo o seu inicial carácter rural e tamén o paso do tempo fixo que moitos dos seus habitantes orixinais, os que construíron parte destas casas, foron morrendo ou marcharon da zona, co cal moitas destas vivendas caeron ou quedaron deshabitadas e maleza foise apoderando da zona. Agora os seus veciños séntense abandonados.

Entramos na casa de Alfonso, quen hai setenta anos axudou a construír o edificio, que inicialmente era dos seus pais. Cando era pequeno a carón da súa azotea había unha horta ben coidada; agora as hedras inzan mesmo a súa terraza.

Alfonso di que a impotencia que sente con esta situación estalle acabando coa pouca saúde que lle queda. Esa mesma xenreira nótase entre outros veciños da rúa.

O presidente da asociación de veciños tampouco é optimista co tema da maleza, sobre todo porque na súa maioría provén de leiras e vivendas privadas; en moitos casos mesmo non se sabe nin como dar cos donos ou herdeiros, co cal a solución pasaría polo xulgado.

O certo é que hai zonas en que a maleza medrou tanto que mesmo parece que hai un bosque no medio das casas.

Noticias web

02/08/2019