CRTVG

Buscar

Veciños de Ribeira quéixanse tras dez días sen teléfono fixo nin Internet

Publicado o 10/04/2019 15:17

Veciños de Ribeira levan dez días sen liña telefónica, despois de que algún descoñecido cortara o cable que lles daba servizo. Un dos máis prexudicados é un negocio de hostalería, que está sen Internet e non pode facer uso do terminal de tarxetas.

Tres vivendas e un restaurante de Ribeira levan dez días sen liña de teléfono nin conexión a Internet. Están así desde o pasado día un, cando un descoñecido cortou na rúa o cable que lles daba servizo. O máis prexudicado é o dono do restaurante ao que esta situación lle ocasiona perdas diarias.

Antonio Alján, dono do restaurante prexudicado: "Esta fin de semana en Ribeira houbo unha competición deportiva. Veu moita xente de fóra. Nós puxemos un aviso de que non podiamos cobrar con tarxeta e moitos clientes deron a volta. Non todo o mundo anda con diñeiro en metálico".

Teme que o problema non se resolva antes da Semana Santa, que sempre é unha boa época para os negocios. O que peor lle senta é a actitude da empresa de telefonía coa que ten contratado o servizo.

Antonio Alján, dono do restaurante prexudicado: "Vodafone di que ten un acordo con Movistar para reparar a liña. Eu a Movistar non podo chamar porque non son cliente. O medo que teño é que chega a Semana Santa e hai moito turismo en Ribeira".

Na oficina de Consumo de Ribeira recolleron dúas reclamacións de veciñas afectadas. Para unha delas dispoñer de teléfono fixo na casa é vital porque súa nai ten nada menos que 106 anos.

 

Noticias web

10/04/2019