CRTVG

Buscar

Morre un veciño de Pantón atacado por 'velutinas' cando facía unha roza co tractor

Publicado o 22/10/2019 14:44

Un veciño de Pantón morreu como consecuencia dun ataque das avespas velutinas. O falecido, de 67 anos, estaba a rozar cun tractor este terreo na parroquia de Serode cando comezou a sufrir numerosas picadas. No medio das silvas había un niño de gran tamaño, de onde saíron as avespas que o atacaron. O home non chegou a andar nin cen metros antes de caer xunto a este valado, onde os sanitarios dunha ambulancia do 061 trataron de reanimalo. Finalmente só puideron certificar a súa morte.

"O señor estaba facendo traballos de roza aquí. Entrou co seu tractor marcha atrás e ao fondo había un niño de velutinas. Ao tocarlle coa rozadoira, revolucionáronse e botáronse a el ata que acabaron coa súa vida".

"Saímos correndo e xa viron que caía e que era Eduardo. Eu volvín porque era un señor que apreciaba moito e non podía velo, e xa chamaron ao 112 e xa viñeron aquí cunha ambulancia. Déronlle moitas masaxes pero non puideron facer nada".

Como consecuencia do acontecido, os residentes na zona din que teñen medo. Temen atoparse con outro niño de velutinas se realizan traballos agrícolas ou forestais, polo que prefiren non arriscarse. Así o confirman os operarios municipais que se ocuparon de neutralizar o enxame que acabou coa vida do seu conveciño, uns traballadores que xa levan retirados máis de 200 niños.

"Cada ano isto está aumentanto a unha velocidade de vertixe. Hai días de sacar tres ou catro niños, e algún día cinco. Cada vez hai máis".

"Agora sábese, porque a xente fala, e dise que as hai a montóns por todos os sitios. E todos temos medo de saír traballar a rozar. Eu tiña pensado rozar aí un sitio, pero a quen llo digo? Ten todo o mundo medo".

Dende o Concello de Pantón critican a falta de suficiente apoio por parte de Medio Rural na loita contra a velutina. Din estar desbordados, polo que precisan máis medios de xeito urxente.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/10/2019