CRTVG

Buscar

Vázquez sentiu "rabia e humillación" contra o Fuenlabrada e di "confiar na xustiza"

Publicado o 08/08/2020 20:36

O técnico eloxia o compromiso dos xogadores neste último partido de liga

Non era un partido máis. Fernando Vázquez tiña claro o porqué. "Porque nos obrigaron a xogar o partido porque senón as consecuencias para o Deporetivo poderían ser tremandas. Pero realmente eu non sentín ledicia futbolística hoxe. Sentín vergoña, rabia, indignación", dixo o técnico.

A súa actitude na bancada, onde gastou outro dos partidos de sanción que acumula, foi hierática. Non se inmutou co dobrete de Beauveu, que remontou nos últimos dez minutos a un Fuenlabrada que queda sen playoff e coa ameaza de descenso administrativo. "O Deportivo non está pedindo que descenda o Fuenlabrada de forma directa. O Deportivo quere unha liga de 24. Pero evidentemente o Fuenlabrada non foi un club inocente nesta situación"

O único momento de expresión de Vázquez foi ao final, co aplauso aos seus xogadores. "Os meus xogadores deron un exemplo impresionante. Todo o club lles está agradecido. Eu persoalmente lles dei a grazas a cada un deles porque non tiñan porque vir, non tiñan porque asistir"

A piña final transmite un paradoxo. A enorme dignidade dun grupo neste momento, a dun grupo que porén asinou esta temporada un dos capítulos máis negros da historia do club, algo que só poderían arranxar xulgados ou despachos. A este respecto Fernando Vázquez foi rotundo. "O sentido común di que somos de Segunda División A. Aquel que quera estudar, mirar e ver correctamente o fío da historia do que estaba pasando ve que é imposible que non sexamos equipo de Segunda A porque o erro non o cometeu o Deportivo. O resto dos equipos eu penso e creo que deberían comprender a situación do Depor e pelexar tamén para que esta situación non ocurra. Pero bueno, alá cada quen evidentemente. Considero que o Deportivo está en Segunda División A, confío plenamente na xustiza e que así será"

 

Noticias web

08/08/2020