CRTVG

Buscar

Varios mortos nun tiroteo nunha fábrica de cervexa en Milwaukee, nos Estados Unidos

Publicado o 27/02/2020 08:13

Un tiroteo na fábrica de cervexa Molson Coors en Milwaukee, no Estado de Wisconsin, ao norte dos Estados Unidos, deixa cando menos sete falecidos. "Ocorreu un horroroso tiroteo", dixo o alcalde da cidade, Tom Barrett, tras os feitos. "Hai varios mortos, e creo que o atacante é un deles", engadiu.

A policía de Milwaukee falou de "un incidente crítico" e asegurou que "xa non se atopa activa a ameaza", pero publicou na súa conta de Twitter que aínda continúan traballando no lugar e que a escena do crime "se mantén activa". O xornal local Milwaukee Journal Sentinel cifrou o número de falecidos en sete. Segundo afirmaron as televisións locais, foi un traballador da cervexaría o atacante que abriu fogo contra os seus compañeiros de traballo.

Segundo o Milwaukee Journal Sentinel, os empregados de Molson Coors foron informados vía correo electrónico de que había un tiroteo preto dunhas escaleiras na segunda planta do edificio 4 da fábrica.