CRTVG

Buscar

Piden adiantar a Conferencia de Presidentes sobre a volta ao colexio

Publicado o 19/08/2020 09:14

Achégase setembro e medra a preocupación pola volta ao colexio ante o aumento dos contaxios. O Goberno insiste en que é imprescindible a cooperación entre as administracións, xa que son as autonomías as que teñen as competencias.

Por iso convocarán a Conferencia de Presidentes monográfica sobre o tema, pero aínda non ten data. Probablemente sexa a semana próxima. E algunhas comunidades consideran que chega tarde. Polo menos Murcia e Cantabria pediron adiantala de xeito urxente para ter marxe de manobra antes do inicio do curso.

Os sindicatos estatais e as familias tamén lle piden ao Ministerio que coordine unha volta ás aulas segura. E piden interlocución, que os convoquen para deseñar esa volta ás aulas.

Dende o Ministerio din que están en contacto permanente coas autonomías para abordar xa o inicio do curso como traballo previo á Conferencia de Presidentes. E explican que o obxectivo é priorizar a educación presencial, especialmente dos alumnos máis pequenos.

A partir dos 14 anos as clases poderían ser semipresenciais. É unha das posibilidades que estuda Educación, pero o protocolo definitivo aínda non está pechado.

Noticias web

19/08/2020