CRTVG

Buscar

Varias comunidades aínda non poden relaxar as restricións a pesar da mellora da situación en España

Publicado o 07/12/2020 08:39

A incidencia sitúase nos 231 casos por cen mil habitantes

O control da covid en España está lonxe de alcanzarse, a pesar de que a incidencia acumulada continúa baixando. Sitúase nos 231 casos por cada cen mil habitantes nos últimos 14 días. España sae, por tanto, da situación de risco extremo, pero a pandemia evoluciona de xeito desigual segundo o territorio. 29 provincias e as cidades de Ceuta e Melilla están nese estado máis elevado de risco.

O peor a día de hoxe está en Cataluña. Multiplícanse os controis por todo o territorio catalán porque está aumentando a velocidade de transmisión e o virus está moi preto de entrar nunha fase expansiva. O Govern catalán teme unha terceira onda para xaneiro e, de momento, xa decidiu que non se vai avanzar na desescalada.

Tamén a Generalitat Valenciana decidía esta fin de semana estender o confinamento no territorio ata o 15 de xaneiro, coa excepción dos días de Nadal e Aninovo.

As rexións que notificaron máis positivos nas últimas horas son Cantabria e Asturias. Tampouco melloran as cifras en Navarra e preocupa Castela e León, que sumou 24 falecidos máis.

Nas illas Canarias, que non están pechadas, o Goberno decidiu impoñer o toque de queda en Tenerife durante unha semana para frear os índices de contaxios.

Melloran os datos en Euskadi e tamén en Madrid. A Comunidade levanta hoxe as restricións en 14 zonas básicas de saúde, mentres que noutras tres se prorrogarán ata o día 14.

Para informar dos últimos datos da pandemia comparecerá este luns o ministro de Sanidade, quen presentará ademais a campaña do Ministerio para o Nadal e logo presidirá a reunión de seguimento dos proxectos de vacinas contra o virus. A finais desta semana, as primeiras doses da vacina de Pfizer, autorizada polo Reino Unido, chegarán xa a Xibraltar para vacinar 273 traballadores de residencias e servizos sociais.

Noticias web

07/12/2020