CRTVG

Buscar

Vaga de roubos de castañas na comarca de Chantada

Publicado o 14/10/2020 14:42

A boa colleita de castañas, a mellor dos últimos anos, converteuse nun reclamo para os amigos do alleo. Na zona sur de Lugo xa se detectou a presenza de grupos organizados que recollen os froitos ou que os levan xa recollidos polos donos. A situación non é nova pero disparouse nos últimos días e eso que a campaña acaba de comezar.

Modesto Varela, produtor de castañas: "Eu doulle castañas para comer a calquera que mas pida. Pero non pode ser que entren nos soutos a collelas a moreas co traballo que dan os coidados dos castiñeiros".

Dende as empresas transformadoras din que os ladróns de castañas se ven favorecidos pola existencia de compradores que non cumpren cos requisitos fiscais e sanitarios pero que seguen actuando con impunidade. Din que isto prexudica tanto os produtores, que cobran menos, como a propia imaxe da castaña galega nos mercados.

Miguel Areán, de Castañas Naiciña: "Roubos por mafias organizadas que se dedican a coller todo o que poden. Esas bandas collen as castañas porque teñen quen lle-las compre. Pero non hai un rexistro de onde as deixan".

Produtores e empresas apostan por profesionalizar o sector coa introdución de maquinaria e o coidado integral dos soutos. En Chantada contémplase crear cuadrillas de vixilancia para frear os roubos pero aínda non se deu o paso.

Noticias web

14/10/2020