CRTVG

Buscar

Urxen a restaurar o castelo de Navia de Suarna, que sofre desprendementos

Publicado o 14/10/2020 14:21

Cuns mil anos de historia, o castelo de Navia de Suarna podería estar próximo á súa fin de non se tomar medidas urxentes. Así o denuncian os veciños da vila, que din temer pola súa propia integridade física debido aos desprendementos de pedras na vía pública dende a fortaleza.

"Pódese ver facilmente na parte alta do castelo que hai lousas soltas. E, cando chove moito, a maleza arrastra pedra e terra. Cando vai bo tempo, non hai desprendementos, pero se fai moito aire ou chove moito, daquela si", asegúranos un veciño.

"Polos anos, polo abandono, vaise deteriorando día a día. E xa chegamos a uns extremos en que a súa estrutura exterior está empezando a desprenderse e hai un moi serio perigo de que poida caer enriba dun inmoble próximo ou dunha persoa que lle coincida pasar pola rúa", dinos Toño Núñez, presidente da asociación veciñal Irmandade Naviega.

O castelo ten media ducia de propietarios, algúns dos cales mesmo están tratando de renunciar á herdanza ao non poderen asumir o custo dos seguros. Co fin de evitar que chegue a haber unha desgraza, os veciños reclaman que as administracións se fagan cargo da adquisición e da restauración desta fortaleza medieval.

"Estaría moi ben arranxalo, porque si que é perigoso que caia unha pedra enriba. De feito, dá medo pasar por aí porque pode pasar unha pedra. Xa caeu algunha. Entón, canto antes o arranxen, mellor", coméntanos unmha muller.

Toño Núñez descoñece a que administración lle competería máis. "Os herdeiros son familias humildes, que non poden nin sequera pagar un seguro que lles cubra a responsabilidade civil, posto que sería custosísimo. Está declarado BIC, polo que entendo que en último caso lle competería á Xunta", di.

O castelo de Navia de Suarna, declarado ben de interese cultural dende hai 26 anos, é unha das poucas fortalezas medievais de todo o país situadas no medio dunha vila.

Noticias web

14/10/2020