CRTVG

Buscar

Uns 2.500 carteiros levarán os votos por correo a todas as mesas electorais en Galicia

Publicado o 26/05/2019 14:26

Sobre uns cincuenta mil galegos, en datos provisionais, escolleron a opción de votar por correo nestas eleccións. Para garantir que os seus votos cheguen a tempo e participen no proceso electoral coma os dos que o fagan en persoa, un dispositivo especial duns 2.500 carteiros en toda Galicia está achegando dende primeira hora as papeletas ás mesas electorais para o seu reconto ao final da xornada.

"Nesta xornada o que facemos é levar os votos que se fixeron por correo a través das oficinas de correos e levalas a cada unha das mesas electorais para poder facer así o reconto, cando eles rematen a xornada".

Os votos están baixo custodia dende o venres pasado, último día efectivo para entregalos. Só deste xeito poden garantirse que participen no reconto final.

Os presidentes das mesas electorais comproban que os sobres veñan cunha certificación do censo e tras a entrega por parte do carteiro, quedarían acreditados como votos perfectamente válidos, coma os presenciais.

O procedemento é similar tanto para os sobres destinados aos comicios municipais coma para os do Parlamento europeo. Os últimos datos oficiais coñecidos apuntaban a que preto dunhas novecentas mil persoas en toda a xeografía española escolleron envíar o seu voto por correo nesta cita electoral.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/05/2019