CRTVG

Buscar

Universitarios dos sete campus van doar sangue para intentar chegar ás 5.000 doazóns

Publicado o 08/10/2019 19:51

A xornada para recoller 5.000 doazóns de sangue nos campus universitarios de toda España comezou con boa afluencia nas universidades galegas. Ducias de estudantes doaron desde primeira hora da mañá nas unidades mobilizadas pola Axencia de Doazón, que agradeceu a súa  xenerosidade.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia participa no chamamento da Rede Española de Universidades Saudables para recoller en todo o Estado 5.000 doses de sangue. Hai unidades traballando nos sete campus galegos, e desde primeira hora hai doadores constantemente.

"A resposta por parte dos universitarios galegos é excepcional. É un colectivo tremendamente solidario, tremendamente xeneroso. Hai que poñer en valor esa base de doadores que se está rexuvenecendo agora mesmo", dixo Ángeles Pazos, responsable de Comunicación da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue.

"É algo necesario e non che custa nada"; "Sempre que o teñamos á man e poidamos vir, vinte minutos témolos en calquera dos nosos días"; "Podes facer un labor moi grande e axudar moitas persoas"; "Volvería repetir", son algúns dos comentarios que facían os que ían doar.

Ao mesmo tempo, a axencia inicia hoxe o reto de conseguir 5.000 doazóns nos campus galegos ao longo do curso académico.

"O ano pasado estivemos moi pretiño, arredor dos 4.600, e agardemos que coa boa participación do colectivo universitario este ano o superemos", manifestou Pazos.

A Axencia de Doazón considera que traballar en ambiente estudantil serve ademais para espertar nos mozos o espírito solidario.

Noticias web

08/10/2019