CRTVG

Buscar

Unidas Podemos quere reverter as políticas sociais e arremete contra as dereitas

Publicado o 04/01/2020 22:12

Centraba a súa intervención o líder de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, contra as forzas da dereita e da ultradereita, que acusou de reaccionarias, de verdadeiros "traidores" a España e á súa xente. Iglesias apelou aos partidos independentistas polo entendemento nos valores democráticos e sociais compartidos e dirixiuse aos independentistas "en prisión e no exilio":

"Teño grandes diferenZas políticas, pero puiden comprobar a profundidade incuestionable das súas conviccións democráticas. Cónstame que algúns deles desde a prisión traballaron para defender o acordo e o diálogo, e desde esta tribuna quero darlles humildemente as grazas."

Na resposta Pedro Sánchez coincidiu en volver á vía política para solucionar o problema de cohesión territorial en Cataluña e apelou á responsabilidade.

"Hai unha enorme dose de esperanza, ilusión e optimismo, fronte ao que emiten outros sectores máis reaccionarios da sociedade española e tamén de responsabilidade."

Alberto Garzón insistiu en que esta é a oportunidade de reverter as políticas de desigualdade dos últimos dez anos. Antón Gómez Reino enumerou varias delas para Galicia.

"Creo que é a última oportunidade para que as cousas non se estraguen máis: no ámbito económico e no ámbito político."

"Galicia está presente xa no programa de goberno asinado coa subida das pensións e do salario mínimo; coa derrogación da reforma laboral e da LOMCE e da lei modaza; coa medida para acabar co copagamento farmacéutico e non permitir que pechen unidades de asistencia ao parto como está sucedendo en Verín." Dixo Antón Gómez Reino, deputado de Galicia en Común.

Tamén insistiu no compromiso do próximo goberno coa memoria histórica e a devolución do pazo de Meirás á cidadanía.

Noticias web

04/01/2020