CRTVG

Buscar

Asociacións de Amigos do Camiño involúcranse na organización do Xacobeo 2021

Publicado o 01/02/2020 15:37

Unha vintena de asociacións e fundacións de amigos do Camiño involúcranse nos preparativos do Xacobeo 2021. Farán as súas propostas na mesa de traballo creada pola Xunta. Este sábado tiveron a primeira xuntanza en Santiago.

Asinan o seu compromiso coa defensa do Camiño de Santiago e coa protección do peregrino. O museo das Peregrinacións acolleu a presentación deste grupo de traballo que se reunirá de xeito trimestral. O foro, creado pola Xunta, involucra máis dunha vintena de asociacións e fundacións xacobeas que traballan en Galicia. O conselleiro de Cultura, Román Rodriguez, destacou "a vontade de encontro e cooperación" coa que bota a andar esta iniciativa.

 "Hoxe dáse un paso máis para favorecer a participación da sociedade civil na posta en valor do Camiño de Santiago e do Ano Santo 2021", afirma o Conselleiro.

O acto de presentanción do foro de traballo serviu tamén de recoñecemento ao traballo altruísta das asociacións de voluntarios a favor do Camiño nas ultimas décadas. Investigaron, recuperaron treitos, e mesmo realizaron as primeiras sinalizacións da ruta e as guías para os peregrinos.

"Nas asociacións está a base do renacer do Camiño de Santiago nos últimos setenta anos", afirma Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021.  "As asociacións seguimos sendo fundamentais para o mantemento do valor da perigranación, hospitalidade e a mellora e protección do patrimonio cultural", apunta Manuel López Vázquez, presidente da Federación galega de Asociacións de Amigos do Camiño.

A folla de ruta desta mesa, na que tamén participa a Igrexa, é promocionar o Camiño e os seus valores como lugar de encontro e solidariedade.

Noticias web

01/02/2020