CRTVG

Buscar

Unha vintena de agrupacións participan no XIII Certame Galego de Bandas Populares en Santiago

Publicado o 03/11/2019 15:45

As bandas ensaian antes de subir ao escenario principal do Auditorio de Galicia. Deben interpretar unha peza obrigada e outra de libre elección. Levan meses preparando o repertorio e agora chega o momento de amosarlle ao público o resultado dese esforzo.

"Levamos dende xaneiro preparando este certame. Antes de saber se iamos vir ou non xa empezamos a traballar. E resultou que si e nos fixo moita ilusión. Así que seguimos no verán e no outono, traballando todos os días sen parar", asegura Isabel Durillo, presidenta da Banda de Música Maestro Lupi de Benavente.

"Chegar acá e ver que todo o proceso foi fantástico, o que menos interesa é o propio día. O propio día hai que gozar e foi o que tentamos facer hoxe no palco", engade Luis Ribeiro, director da Banda de Música dos Bombeiros Voluntários da Póvoa de Lanhosho.

No certame participan 1.300 persoas de 16 agrupacións galegas, catro portuguesas e unha zamorana. Compiten en categorías diferentes, clasificadas segundo a idade e o número de compoñentes. Intercambian impresións nos corredores ou nos vestiarios, pero enriba do escenario concéntranse, sobre todo, en transmitir.

"Emocións: como músicos, moitísimas emocións ao tocar, e os directores moitísima emoción cando rematan. Onte na sección segunda penso que todos os directores remataron as súas actuacións chorando. Son moitísimos meses de traballo, ningún che pode mentir, non son tres meses, é un ano de traballo", explica Iván Estévez Sabucedo, presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares. 

Para entrar en calor, interpretan un pasodobre. A Agrupación Musical de Goián escolleu Bagaxes, de Carlos Rodríguez. Con esta presentación tentan calmar os nervios para deixarse levar polo son dos seus instrumentos.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/11/2019