CRTVG

Buscar

Unha veciña de Lugo enfróntase a seis anos de prisión por matrimonio ilegal e estafa ao marido

Publicado o 13/11/2019 13:22

Unha veciña de Lugo sentou no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo polos delitos de estafa e matrimonio ilegal. Os feitos remóntanse ao ano 2007. Daquela a muller traballaba nun próstibulo, onde coñeceu a vítima. Ao parecer, o home comezou a frecuentar o club as fins de semana para solicitar os seus servizos sexuais, e así foise establecendo unha relación entre eles, e, segundo a declaración da acusada, o home pediulle matrimonio. Ela recoñeceu que aceptou a proposta para poder legalizar a súa situación.

Tras o enlace, a muller seguiu traballando no prostíbulo para saldar a súa débeda co dono do mesmo e poder manter a súa familia no Brasil, polo que a vítima seguía frecuentando o club e pagando polos seus servizos. Segundo a acusada, estes foron os cartos que recibiu da vítima e tamén recoñeceu a petición dun préstamo a nome dos dous, pero negou que retirase cartos das contas do home.

A súa defensa pide a libre absolución alegando que non houbo engano.

Marisol Lence, avogada da defensa: "A esta persoa esta acúsana de matrimonio ilegal segundo o código penal, matrimonio ilegal é o que se contrae para prexudicar a parella, neste caso ela recoñece en todo momento que casou para legalizar a súa situación. Tamén a acusan de estafa a unha persoa enferma, cando este home, con 40 e pico de anos, ten graduado escolar, que manexaba el só unha explotación gandeira con todo o que iso supón. Aquí non houbo engano ningún".

Para a fiscalía, a muller aproveitouse da discapacidade que sofre o home, padece esquizofrenia paranoide, e ten un indice de intelixencia baixo. E emocionalmente, engade no seu escrito, dependía totalmente da acusada. Expuxo que o obxectivo da acusada era apropiarse dos aforros da vítima da pensión que cobraba pola discapacidade. A muller enfróntase a unha petición de seis anos de prisión.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/11/2019