Unha veciña de Ferrol atopa un sobre con máis de 1.000 euros e entrégao á policía
A Policía Local de Ferrol agarda que apareza o propietario ou propietaria dun sobre con algo máis de mil euros atopado na rúa por unha veciña. Os cartos permanecerán en custodia policial dous anos. Se neste tempo non aparece o dono, o diñeiro será para a persoa que o atopou
O sobre cunha cantidade algo superior aos mil euros foi atopado por unha veciña nunha rúa do barrio ferrolán de Canido. Lonxe de quedar cos cartos, a muller entregounos nas dependencias da Policía Local.
Carlos Guizán, xefe de servizo da Policía Local de Ferrol: "Unha señora atopou un sobre con cartos e entregouno no departamento de obxectos perdidos da Policía Local. De momento non sabemos a quen pertence, estámolo custodiando, recolléronselle todos os datos, e a ver se aparece o dono"
Os veciños do barrio de Canido din que eles tamén farían o mesmo e entregarían o diñeiro. Pero tamén hai algún que amosa as súas dúbidas
Os cartos permanecerán en custodia policíal durante dous anos. Se nese tempo non aparece o dono, o diñeiro seralle entregado á persoa que o atopou.