CRTVG

Buscar

Unha veciña de Arteixo que naceu sen brazos consegue sacar o permiso de conducir

Publicado o 14/02/2019 14:43

Unha veciña de Arteixo acaba de facer realidade o seu soño. Naceu sen brazos, pero iso non foi impedimento para lograr o carné de conducir. Non foi un camiño doado, nin rápido nin económico. Pero agora, satisfeita, di que xa pode moverse libremente sen depender de ninguén.

Hai case un mes que Celia aprobou o carné. Ten 46 anos e levaba soñando desde os dezaoito con poder conducir o seu propio coche para ter independencia. Celia Regueira Varela non ten brazos e logrou facerse co carné de conducir: "Intenteino no 90, pero nalquel momento non se puido. Na autoescola dixéronme que non me desanimase que se cadra nun futuro podería ser".

Agora, case trinta anos depois, os avances tecnolóxicos actuais permitiron a adaptación do vehículo que ela mesma escolleu para que, malia non ter brazos, puidese conducilo. Un coche que mercou nada máis aprobar a parte teórica e así poder facer nel as prácticas. Celia Regueira Varela: "Ao principio impoñíame un pouco cando empecei coa práctica"

A de Celia é unha historia de superación persoal coa que pretende animar a todos os que teñen unha discapacidade física a non renderse.

Noticias web

14/02/2019