CRTVG

Buscar

Unha posible explosión de gas estraga unha casa na Sionlla, en Santiago

Publicado o 01/04/2019 13:42

Os veciños máis próximos a esta vivenda da Sionlla, en Santiago, foron os que alertaron os servizos de urxencia ao escoitar un estoupido moi forte pouco antes das nove da mañá do domingo.

Manuel Sanmartín, oficial xefe dos bombeiros de Santiago: "Ao chegar ao lugar comprobamos que se producira unha deflagración posiblemente por unha fuga de gas. A porta estaba a catro metros. Con posterioridade, produciuse un incendio que afectou o salón, a cociña, o comedor e o corredor".

No momento do suceso na casa non había ninguén porque os propietarios venden nos mercados e saíran a traballar unha hora antes. Non se produciron danos persoais pero os materiais son enormes.

Josué Ventos, dono da casa: "Se teño que valorar... A casa custou 75.000 €. Por aí andará a conta porque a casa non serve para vivir outra vez nela".

A Policía Nacional precintou as bombonas de butano e investiga para determinar as causas da deflagración.

Josué Ventos, dono da casa: "O que nos dixo a Policía Científica é que seguramente foi unha bombona deteriorada a que puido provocar unha acumulación de gas no salón e que algo que había alí quente estoupou".

A parella que vivía na casa trasladouse provisionalmente á vivenda duns parentes.

Noticias web

01/04/2019