CRTVG

Buscar

Morre unha muller e outra persoa queda ferida de gravidade nunha colisión frontal en Caldas de Reis

Publicado o 24/01/2020 09:52

Unha muller de 48 anos faleceu este venres nun accidente de tráfico ocorrido no municipio pontevedrés de Caldas de Reis.

O coche en que viaxaba chocou de maneira frontal cun vehículo en que ían outras tres persoas, unha delas en estado grave tras o sinistro.

O accidente rexistrouse ás sete e media da mañá no quilómetro 100 da estrada N-550, segundo confirmou o 112 Galicia, na chamada variante de Caldas.

Os investigadores sinalaron que a posible causa do accidente é que a muller adormecese ao volante e invadise o carril contrario da estrada.

Ao lugar do accidente trasladáronse, ademais de axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, efectivos dos bombeiros do Salnés, debido á necesidade de liberar a vítima mortal, que estaba atrapada no vehículo.

A muller falecida, veciña de Pontevedra, era a única ocupante do seu vehículo.

No outro coche, xunto co condutor que foi evacuado polos servizos de emerxencia ao hospital Montecelo de Pontevedra en estado grave, ían outros dous pasaxeiros que tamén foron trasladados ao mesmo centro sanitario, pero cuxo estado non reviste gravidade. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí