CRTVG

Buscar

Unha parella de cegoñas aniña no campanario da igrexa de Goiás

Publicado o 04/03/2021 15:26

Aproxímase a primavera e con ela regresan as cigoñas a aniñar a Galicia. Adoitan facelo nas provincias de Ourense e Lugo, pero hoxe queremos falarlles dun niño do concello pontevedrés de Lalín. Está no campanario da igrexa de Goiás, e na parroquia agardan que logren criar.

Chegaron hai dúas semanas e xa se converteron en todo un espectáculo. "É unha auténtica marabilla velas traballar, quedo sentado na finca mirando para elas como traballan", asegura un veciño. 

Outra parella visitounos o ano pasado pero, por circunstancias que se descoñecen, non chegou a aniñar. As cegoñas son aves protexidas e está prohibido tocar os niños nesta etapa reprodutiva.

"Viñeron o ano pasado e fixeron niño pero non sei ben que pasou, creo que morreu unha", comenta unha veciña.

Fontes parroquiais afirman que, polo momento, o peso do niño non supón ningunha ameaza para a estructura da igrexa románica, que agora suma un atractivo máis. Os expertos da Sociedade galega de Historia Natural din que, rematada a época de reprodución, podería instalarse na parroquia un poste de cría similar aos de Castela. 

Noticias web

04/03/2021