CRTVG

Buscar

Unha panadería de Mondoñedo elabora un kit para facer pan na casa

Publicado o 16/04/2020 21:39

Litro e medio de auga dun manancial galego, tres quilos de fariña aragonesa seleccionada, trigo moído da comarca de Mondoñedo, oitenta gramos de sal e unhas completas instrucións para mesturalo todo e facer o mellor pan co estilo de Mondoñedo. Iso é o que contén este kit que unha panadería mindoniense está a distribuír por toda España. Por tan só 24 euros pódese recibir na casa material suficiente para elaborar oito quilos de pan. Só é necesario contactar coa plataforma de venda en liña do concello de Mondoñedo ou coa propia panadería.

"Fíxate que non falamos de lévedo porque só usamos a nosa masa madre. Se conseguen seguir os pasos indicados e teñen un forno que chegue a 220 graos, poderán facer un pan que lles lembre o noso".

Malia que a fabricación de pan caseiro se disparou a raíz do confinamento, Waldo di que pensan seguir co proxecto cando se recupere a normalidade para que todos poidan desfrutar na casa do sabor do pan mindoniense. Tamén teñen pensado enviar os kits a países europeos cunha importante presenza galega como Suíza ou Alemaña. Nos vindeiros días van publicar en Internet un vídeo onde explican como mesturar os ingredientes. Iso si, recoñecen que o sabor do fume de leña dos fornos nunca se vai poder conseguir nas casas.

Noticias web

16/04/2020