CRTVG

Buscar

Unha nena belga de 12 anos, a vítima máis nova do coronavirus en Europa

Publicado o 01/04/2020 09:18

A morte dunha rapaza de 12 anos sen patoloxías previas en Bélxica polo coronavirus é o caso da paciente máis nova falecida en Europa. Bélxica é un dos países de Europa en que a enfermidade comeza a avanzar con máis velocidade, porque en termos relativos os 61 falecidos por cada millón de habitantes só a sitúan por detrás de Italia e España.

A súa veciña Francia acaba de aproximarse aos 50.000 contaxios, con máis de tres mil falecidos. Nesta situación, o Goberno galo leva varios días apostando pola redistribución dos enfermos por zonas con menor nivel de incidencia do virus. Nos traslados por aire están a colaborar países veciños que teñen o coronavirus menos estendido, como pode ser o caso de Austria, con 10.000 contaxios e un cento de falecidos.

Estas son imaxes de Alemaña. Novos xeitos de evitar o contaxio nos comercios. Alemaña continúa medrando en casos e sobrepasa os 60.000 cunhas cifras de mortaldade máis baixas, con arredor de cincocentos falecidos. No país xermano fálase de crear un certificado de inmunidade para traballar e transitar pola rúa. Este documento sería expedido aos cidadáns que deran negativo na proba.

No Reino Unido, pasada a barreira dos 20.000 infectados e os máis de 1.400 mortos, as autoridades sanitarias advertiron nas últimas horas da importancia das medidas de confinamento. Declaradas para tres semanas e cunha nova posible prórroga doutras tres, a subdirectora médica encargada de se comunicar coa prensa declarou que, se non hai un control da curva, as medidas poderían estenderse de tres a seis meses.

Noticias web

01/04/2020