CRTVG

Buscar

Unha muller de Pontevedra fai 104 anos

Publicado o 07/02/2019 14:36

A nosa seguinte protagonista é noticia pola súa lonxevidade: chámase Asunción Solís e acaba de facer 104 anos. Á marxe da artrose, goza dunha saúde envexable. Leva conta da súa medicación, queda a diario coas amigas, le e aínda conserva a maña do que foi o seu oficio, costureira.

Asunción Solís naceu en Valga en 1915, pero viviu en Cambados e no Grove, onde estivo destinado seu pai, que era garda civil, e onde logo casou. É a terceira de 8 irmáns, dos que só vive a máis nova. Non tanto coma ela, pero todos foron lonxevos. Tal vez aí está o segredo.

Desde nena quixo ser costureira e foi o seu oficio, pero tamén tiña vocación de enfermeira e chegou a exercer de practicante a raíz dunha enfermidade do seu home.

Asunción vive cunha filla en Pontevedra desde que enviuvou hai máis de 30 anos. Ten 7 netos, 4 bisnetos e un máis en camiño. A súa maior pena, perder unha filla. Pola súa artrose, precisa o andador para moverse pola casa e usa cadeira de rodas para saír á rúa e ir ver as amigas cada día. Polo demais, leva conta da súa medicación e ten unha memoria envexable.

Polo aniversario regaláronlle 3 libros e xa está devorando o primeiro, e se non fose pola artrose, seguiría cosendo.

Os 104 celebrounos na casa coa familia pero, para o ano, os 105, cifra redonda, Asunción non desbota facer unha festa.

 

Noticias web

07/02/2019