CRTVG

Buscar

En estado grave unha condutora que se precipitou co seu coche ao mar no peirao de Bouzas

Publicado o 11/10/2019 07:58

• Unha persoa cunha moto de auga achegouse ao lugar e salvou a muller, que estaba inconsciente

Un guindastre da Autoridade Portuaria de Vigo retirou en peso o coche que pola noite se precipitou ao mar no porto deportivo Marina Davila, en Bouzas. O vehículo estaba envorcado a unha profundidade de pouco máis de dous metros, iso coa marea baixa, entre o espigón e un embarcadoiro.

A condutora, que viaxaba soa, perdeu o control do coche por causas que se descoñecen, pero fontes próximas á investigación do suceso apuntan a que puido ter problemas co manexo do vehículo, que era automático. A muller acababa de despedirse do seu acompañante, con quen antes compartira un paseo en moto acuática. O home, que aínda estaba nas instalacións náuticas, presenciou a caída e buliu a socorrela. Colleu de novo a moto e, despois de conseguir abrir unha das portas do turismo, e coa colaboración dun mariñeiro do peirao, rescatouna con vida pero inconsciente. Xa en terra, recibiu atención sanitaria e recobrou o coñecemento na ambulancia. Permanece sedada na UCI do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo con asistencia respiratoria.