Unha morta e sete feridos nun choque frontal en Covelo
Neste quilómetro 12 da estrada PO-261, á saída de Covelo, foi o fatal accidente en que morreu unha muller e outras sete resultaron feridas tras colidiren frontalmente dous vehículos. Un deles, unha furgoneta en que viaxaba unha parella de avanzada idade e os seus netos de 8 e 11 anos, e o outro, un coche con cinco mozos que quedou totalmente desfeito. A vítima tivo que ser sacada do vehículo.
Todo indica que o exceso de velocidade do turismo en que ían cinco mozos foi a orixe do accidente. O coche invadiu o sentido contrario ao saír dunha curva e bateu frontalmente coa furgoneta en que ía o matrimonio tras recoller os netos logo dunha xornada de lecer na piscina.
Os veciños alertan do risco dos coches que circulan a unha velocidade excesiva cando o límite de velocidade é de 50, e mesmo din que hai condutores que supostamente quedan nas redes sociais para facer carreiras na zona.