CRTVG

Buscar

Unha lata de conserva galega voou polo espazo

Publicado o 14/10/2019 16:24

Implacable, o paso do tempo. 

"Facemos 150 anos, que se di pronto", lémbrannos en ALBO. 

E seguen as celebracións: primeiro había latas que viaxaban en carros e agora unha lata viaxou polo espazo.

"Iso foi un acto simbólico, unha maneira de enfocarnos non no pasado, senón no futuro".

Falamos do tempo a través das mans laboriosas que conservan a nosa historia. A nosa historia galega e a nosa historia persoal. Iso quixeron celebrar.

"Conservar non só o bo do mar, a conserva, o peixe, os produtos galegos, senón conservar tamén os bos momentos que pasas arredor da mesa".

Así que invitaron a xente a participar desa memoria. E máis de 25.000 persoas enviaron as súas lembranzas vía Internet.

"Desde cancións, fotos familiares, anécdotas, momentos... Temos de todo".

E colleron ese todo e metérono nun lapis de memoria. E colleron ese lapis de memoria e metérono nunha lata de conserva, unha lata que conserva recordos.

"E enviámolos ao espazo para que as xeracións próximas poidan atopar todos os recordos gardados das familias que participaron".

Do mar ao ceo. E máis aló... Curioso destino para este tesouro noso. Curiosa maneira de mirar o tempo e prometerse outros 150 anos sen se deter.

"A lata estivo flotando no espazo pero volveu á Terra, obviamente".

Nada de lixo espacial, só unha simbólica lata de conservar memoria.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/10/2019