CRTVG

Buscar

Unha horta de Castro de Rei produce cebolas de case dous quilos de peso

Publicado o 06/09/2019 19:19

Unha horta de Castro de Rei produce froitos, como mínimo, pouco normais. Flora e Xosé posan con algunhas das cebolas xigantes que naceron na súa horta. Eles foron os primeiros sorprendidos polo peso e tamaño dos bulbos xa que as follas non auguraban que acadaran case dous quilos de peso. Ademais, levaban anos sen botalas e sementáronas moi pegadas unhas ás outras.

Tampouco as atenderon demasiado porque estiveron varias semanas de viaxe. De aí que a sorpresa fora aínda maior. Din que esta leira sempre foi moi boa pero nunca producira nada igual. Agora o problema é que non van ter como consumir tanta cebola.

"Parecía que estaban moi na superficie. O meu home dixo que el non as quería botar e que eu as botara mal. Pero tan mal non estarían se sairon así de grandes", explica Flora.

As cebolas non son a única milagre desta horta. Tamén teñen un xirasol de dous metros e medio que naceu só e patacas de dúas cores. Xosé e Flora din que non tiñan pensado seguir traballando a leira porque están xubilados pero visto o éxito desta colleita non desbotan volver coller o sacho e a aixada.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/09/2019