CRTVG

Buscar

Unha familia de gandeiros explica que viven case confinados e illados todo o ano

Publicado o 22/04/2020 14:43

Unha familia de gandeiros vive illada na súa granxa con 43 vacas de leite. Agora, co confinamento, algo máis, pero en realidade, agás os nenos, que en circunstancias normais van ao colexio, viven case illados todo ano. E só están a 20 minutos de Ferrol.

No cumio de Racamonde de Arriba vive a familia Arnoso-Anca, matrimonio, dous fillos, avoa e tía. Teñen unha granxa con 43 vacas leiteiras e o único cambio importante que supón para eles o confinamento é que os dous nenos están na casa porque non teñen escola.

"Somos sector primario e temos que seguir traballando arreo todos os días. O día a día normal", conta David Arnoso.

David Arnoso di que a situación é mais levadía porque o traballo é ao aire libre e porque os nenos poden xogar no campo a carón da granxa.

Polo demais, ten máis trasfega da habitual xa que encárgase de conseguir material de protección para os membros da asociacion gandeira á que pertence.

"Máscaras e pantallas protectoras para os socios, as súas familias, veciños e amigos, para eses casos puntuais en que hai que ir ao supermercado ou ao médico", explica.

Segundo di, os produtos lácteos están a consumirse igual que sempre, polo que agarda que no sector non haxa problemas. Só pide á cidadanía que teña en conta que no campo seguen traballando para toda a sociedade.

Noticias web

22/04/2020