CRTVG

Buscar

Unha empresa luguesa equipará a zona de restauración do primeiro hotel Hilton en Galicia

Publicado o 14/07/2020 19:29

60 anos de historia abalan esta empresa familiar que soubo reinventarse e agora na súa axenda conta cunha ducia de proxectos de gran calado que non se viron paralizados pola crise sanitaria. Un deses proxectos é equipar a zona de cafetería e restauración do hotel Hilton da Coruña.

Non é a primeira vez que traballan para esta cadea hoteleira, xa equiparon outros dos seus complexos en Madrid e Toledo. Pese á freada que supuxo a pandemia, esta empresa mantén o crecemento que experimentou no 2019 cun aumento do 35 por cento do seu volume de negocio.

Nesta nave do barrio lugués da Ponte fabrícanse as cámaras frigoríficas, mobiliario de cociña, mostradores de bufete coas que equipan os seus establecementos algunhas das grandes cadeas hoteleiras internacionais. Tres xeracións, leva seis décadas á fronte dun negocio que non para de reinventarse. A súa aposta pola innovación permítelles manter o seu ritmo de crecemento e capear o temporal económico tras a crise sanitaria.

Manuel Varela, director de Enxeñería. "A sorte que temos é que somos fabricantes, fabricamos o noso produto, aceiro a medida, e distribuímos"

Estes días traballan no interior do primeiro hotel en Galicia da cadea Hilton. Situado na antiga sede de Rede Eléctrica na cidade da Coruña, é o terceiro proxecto que desenvolven para esta cadea de hoteis de luxo. Na axenda teñen outros sete proxectos hoteleiros máis e dous centros comerciais.

Manuel Varela, director de Enxeñería "Aqui fabrícase todo e recepciónase todo o material que integra o mobiliario, a carga de traballo que temos é importante, non tivemos que recorrer a un ERTE"

Dende Lugo exportan a unha decena de países. O ano pasado o seu volume de negocio medrou o 35 por cento.

Noticias web

14/07/2020

Máis sobre Lugo