CRTVG

Buscar

Unha coruñesa, candidata a mellor emprendedora nova de Europa

Publicado o 15/10/2020 15:17

Cambiou a moda pola alimentación, e abriu as portas da súa nova vida hai tres anos. Son as portas do primeiro minimercado galego de "residuo cero".

A súa propietaria, Lara Prendes, explícanos: "O residuo cero é diminuír no día a día os residuos que un xera na casa. O que intentamos nós é botar unha man e contribuír a iso. É un espazo onde poder facer a compra semanal dun xeito máis responsable e sostible".

Todo se vende a granel, nos envases que trae o cliente ou en bolsas de papel reciclado e compostable. Pero non se preocupan só das embalaxes, e todos estes produtos cumpren outros requisitos: "Teñen detrás prácticas de responsabilidade social e ambiental, dende que sexan da orixe máis próxima posible, a que os produtores reciban a súa parte ou que sexa ecolóxico", comenta Lara.

Eses valores valores poden convertela na mellor xove emprendedora de Europa. Seleccionaron o seu proxecto para representar a España nos premios Youth Business International. Compite con outras dez finalistas de Europa, Rusia e Kazakhstán. Di que todos os proxectos teñen puntos en común: "Tentamos achegar algo máis ca o beneficio económico que teña o proxecto, facer un ben á sociedade, máis alá de vender produtos".

O premio á súa contribución neste cambio, e tamén os cinco mil dólares cos que está dotado poden chegar o próximo martes, 20 de outubro.

 

Noticias web

15/10/2020