CRTVG

Buscar

Unha borrasca trae o xoves frío polar e temporal a Galicia

Publicado o 01/12/2020 15:09

Cambia o tempo, despedímonos do sol de novembro e decembro empeza con máis nubes. O xoves entra unha borrasca que vai traer aire frío e moita inestabilidade, e para o venres os meteorólogos anuncian un día de inverno cru, con chuvia, neve e moito vento.

Galicia vai quedar o xoves baixo a influencia dunha profunda borrasca que vai traer unha masa de aire polar marítimo e vento forte do noroeste. Aínda que non tanto, o tempo empezou a cambiar hoxe. Nalgunhas zonas, como Lugo, a néboa matinal baixou a temperatura, pero malia todo para os lugueses non se pode falar de frío.

"Frío? En Lugo moito máis fixo en tempos, cando eu era pequena, que agora. Ai o frío.. Ven frío, e néboa, e humedade, ven de todo. Eu nacín en xaneiro e estou afeito ó frío. Tanto frío non, pero case aguanto máis o frío que a calor", din alguns veciños.

Noutras zonas do interior e do litoral segue a facer sol, pero xa están entrando algunhas nubes. "Eu xa hai uns dias que noto máis frío. Hoxe o levantarme pola mañá xa notei frío, hoxe e máis onte. Andar, abrigarse e comer ben. É o que hai que facer".

Segundo as previsións meteorolóxicas, o venres vai ser un día de temporal, con frío, moito vento, chuvia e neve por debaixo dos 800 e mesmo dos 600 metros de altitude. O aire polar e o vento farán que o sábado siga baixando a temperatura e que as precipitacións sexan de neve en varias comarcas do interior de Galicia.

Noticias web

01/12/2020