CRTVG

Buscar

Unha boa hixiene de mans pode salvar vidas

Publicado o 06/05/2019 16:23

Centros de saúde e hospitais celebran hoxe o Día Mundial da Hixiene de Mans, un xesto aparentemente moi simple, pero que salva vidas. 

Ter unha boa hixiene de mans no ámbito sanitario reduce á metade a posibilidade de transmitir infeccións, de aí a importancia de lembralo anualmente nos centros de saúde e nos hospitais.

"Sempre é posible que a xente non o faga, que se esqueza, que estea moi presionada porque hai moita urxencia, entón sempre o recordamos para que non o perdan de vista", di Teresa Queiro, xefa do Servizo de Medicina Preventiva do CHUS

Antes e despois de utilizar luvas, antes e despois de achegarse ao paciente e ao seu círculo, á hora de realizar tarefas asépticas e sempre que se toque calquera excreción do doente. Son os cinco momentos en que é inescusable a hixiene de mans por parte dos profesionais da saúde.

"Xa non é necesario ir lavar as mans con auga e xabón, senón que é suficiente utilizar a solución hidroalcólica", explica Teresa.

Unha solución que hixieniza en todos os casos, agás cando as mans estean visiblemente sucias ou cando se estivera en contacto con infeccións con esporas. Neses dous casos cómpre pasar as mans por auga e xabón.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/05/2019