CRTVG

Buscar

Unha avaría deixa Mazaricos sen servizo de telefonía durante 30 horas

Publicado o 21/02/2020 14:25

En Mazaricos, os problemas de telefonía e Internet non acaban. A cabina da Picota, que alberga un teléfono público inútil, vai camiño de converterse no símbolo do que son aquí estes servizos básicos.

Desta volta, estiveron alterados ou bloqueados na súa actividade quen dependen da liña telefónica e de ADSL. Foi desde o mércores á mañá ata onte ao mediodía.

"Case trinta horas máis ou menos. Un mes tócalle á luz e outro a Internet. Pero é continuo. Teñen o rural completamente abandonado e é constante. Os cortes son constantes e logo, a velocidade de Internet tampouco é que sexa unha marabilla", di Jorge Jurjo, hostaleiro e representante do sector en Mazaricos.

Jurjo explica que o corte afectou metade do concello, con toda a Picota e os seus catrocentos veciños, servizos públicos incluídos e negocios incluídos. Algúns deles sen poder traballar no día a día durante case dúas xornadas.

"O teléfono fixo non funcionaba, porque entra por adsl e só podiamos contactar cos clientes por móbil. Nalgún momento intentamos conectar os datos desde o ordenador ao teléfono móbil, pero a conexión non permitía moito", explica Antonio Fernández, empresario. 

Comerciantes e outros veciños de Mazaricos din que Telefónica amosa pouco interese con eles ao non avisalos nin dos cortes de servizo, supostamente programados.

Noticias web

21/02/2020