CRTVG

Buscar

Unha aplicación creada en Santiago permite avaliar os riscos dos doentes de covid-19

Publicado o 27/10/2020 15:05

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago desenvolveu unha aplicación que avalía o risco de que un positivo en coronavirus precise hospitalización, de que teña que se ingresado na UCI ou de que morra. Funciona desde hai tres días e xa recibiu 35.000 visitas.

Os datos da primera vaga da pandemia provocada polo coronavirus permitiron a investigadores do Instituto Sanitario de Santiago elaborar unha aplicación que se chama GalCovid. Pretende ser útil sobre todo para os médicos de Atención Primaria, que poden usala como guía para prever os riscos dun infectado de coronavirus segundo a idade, sexo e doenzas crónicas que padeza.

"Dándolle eses datos dáche unha probabilidade de que che vaia mal se colles a infección. Podería valer para estraficar o risco ou aumentar a cantidade da atención médica. Unha guía, unha axuda, pero non para tomar decisións en base a isto. De ningunha maneira", di Francisco Gude, responsable de Epidemioloxía Clínica do CHUS.

Tamén se podería empregar para a planificación hospitalaria, xa que avalía o risco de que o infectado teña que ingresar na UCI. GalCovid, de acceso aberto, está en Internet desde hai tres días e xa recibiu más de 35.000 visitas de diferentes puntos de España e Portugal, Inglaterra, centro de Europa e mesmo da China.

"Hai moita xente que está entrando, e nese sentido pode ser de utilidade porque estamos ante unha enfermidade moi seria e entrando nesta aplicación a xente faise un pouco máis consciente dos riscos que isto supón", explica Gude.

Os creadores da ferramenta advirten de que a información que proporciona non substitúe a atención médica nin se pode interpretar como un consello profesional.

Noticias web

27/10/2020