Un vilán da banda deseñada, nas rúas de Ourense
Así de sorprendido quedaba o Capitán América ao ver o verdadeiro rostro do seu peor inimigo, Red Skull. E así de sorprendida queda a xente na rúa ao toparse con Henry.
Este venezolano de 34 anos, fan declarado do mundo de Márvel e a banda deseñada, vive agora en Ourense, foi aló polo 2011 cando fixo a primeira operación. Unha modificación corporal extrema: tatuar a cara de vermello e acadar o aspecto dunha caveira como o malvado personaxe de Capitán América. Pero a cousa non quedou aí...
Ten conta en Instagram, está a crear unha canle en Youtube e visitou xa máis de corenta países acudindo a distintas convencións de tatuaxe. Di que o seu día a día non é moi diferente ao do resto da xente e que a súa imaxe polo de agora nunca lle deu problemas.
E malia que é a súa cara o que máis chama a atención, tamén ten tatuaxes, moitas, pero non dabondo. De feito o seu seguinte proxecto vai ser tatuar o cen por cento do seu corpo.